Friday 26 de April de 2024

Apoio institucional do Pleno de Ordes en contra da instalación do vertedoiro de Lesta


Unanimidade á hora de reclamar medidas á Xunta para que non se suprima unha aula de Infantil no Castelao e contra a reapertura da mina de Touro. A taxa da auga e dos sumidoiros incrementarase en base ao IPC no 2019

O Pleno correspondente ao mes de setembro arrancou co apoio de todos os grupos á declaración institucional contra da instalación na parroquia de Lesta dun vertedoiro de residuos non perigosos, de construción e de demolición. Non foi esta a única moción que prosperou en materia medioambiental xa que o partido socialista solicitou o rexeitamento da reapertura da explotación mineira de San Rafael, no concello de Touro. Tamén por unanimidade decidiuse instar ás consellerías do Mar, Medio Rural, Medio Ambiente, así como ás ordenacións do Territorio, Cultura e Universitaria á emisión de informes negativos en base ás consecuencias derivadas do dito proxecto.

A conta xeral de 2017 saíu aprobada cos votos favorables do Goberno local (5 xa que o alcalde non acudiu por motivos de saúde) e os dos non adscritos Roberto González, Ramón Vázquez e Luís Gómez. BNG (2 membros) e UxO votaron en contra alegando un exceso de modificación de gasto, a prórroga de contratos e ao non compartir o nivel de aforro indicado polo executivo local. Tanto o Partido Socialista como a non adscrita Beatriz Martínez optaron pola abstención.

Cos votos do Goberno, Partido Socialista e os de Roberto González, Ramón Vázquez e Luís Gómez, aprobouse o incremento en base ao IPC das taxas pola prestación dos servizos da auga potable e dos sumidoiros para o exercicio 2019. Tanto UxO, como o BNG e Beatriz Martínez abstivéronse neste punto.

Lacón con grelos
O criterio favorable de todos os membros da corporación volveuse a repetir á hora de solicitarlle á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Turístico da Festa do Lacón con Grelos que cada mes de marzo se celebra no Mesón do Vento. Tamén foi unánime a decisión de reclamar medidas por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para reducir o rateo no CEIP Castelao. Solicítase así a asignación dun mestre ou mestra a maiores para o desdobre inmediato das dúas aulas de Educación Infantil. A dotación de medios sanitarios públicos á hora de tratar a doenza da endometriose en mulleres, aportando maiores garantías nos tratamentos de fertilidade ademais da posta en marcha de campañas informativas entre outros aspectos, tamén obtivo o voto favorable de todos os grupos.

No apartado de mocións o BNG recibiu o apio de toda a corporación para instarlle a Fenosa a desmontaxe dunha liña de alta tensión en desuso situada no Mesón do Vento, cunha afección que alcanza os 62 ferrados de superficie. Unicamente no momento da votación o voceiro socialista Alejandro Manteiga decidiu ausentarse por incompatibilidade laboral á hora de pronunciarse nesta cuestión.

Un dos momentos máis intensos do debate xurdiu en base á moción dos nacionalistas que abordaba a supresión dunha aula de Educación Infantil no CEIP Castelao; a dotación de máis profesorado; e a realización de melloras nas cubertas, fachadas e baños. Tanto os membros do Goberno como varios concelleiros da oposición consideraron que a maioría destes aspectos xa foran tratados anteriormente e aprobados por parte de todos e todas. Susana García, voceira do Goberno, insistiu ademais en que ditas obras e reformas xa foron solicitadas no mes de xaneiro. Por todo isto tanto o equipo de Goberno como Roberto González, Ramón Vázquez e Luís Gómez votaron en contra. A moción recibiu o apoio dos outros membros.